Tuesday 16 de April de 2024

Política Social complementa labores medioambientais e de organización dun festival no Campo de Voluntariado Luces de Boimorto


― Nesta iniciativa, enmarcada na campaña da Xunta de Galicia “O verán que mereces”, lévanse a cabo actividades de limpeza e acondicionamento do Castro da Roda e de preparación dun gran evento como é o Festival solidario de la Luz

― Os participantes desta proposta, de entre 18 e 30 anos, rematarán esta quenda o próximo xoves 15 de setembro

― Esta trátase da última actividade da campaña da Xunta de Galicia O verán que mereces

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os participantes do campo de voluntariado “Luces de Boimorto”, de modalidade medioambiental e festival, no que as principais actividades que se están levando a cabo son a limpeza e o acondicionamento do Castro Coto da Roda e o apoio á organización do Festival solidario de la Luz, que comeza hoxe e rematará o domingo. Esta proposta, enmarcada na campaña da Xunta de Galicia O verán que mereces, rematará o próximo xoves 15 de setembro. Ademais trátase da última actuación da campaña estival, polo que con ela se da o peche á mesma.

As mozas e mozos que participan nesta iniciativa autonómica, de entre 18 e 30 anos, tamén están desfrutando de outras actividades complementarias como xincanas, batallas de arqueiros para comprobar a súa puntería, distintos roteiros e excursións polo concello, entre outras.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado puxo en valor durante a súa visita este tipo de actividades que, non só fomentan o coidado medioambiental, se non que tamén permiten vivir unha experiencia única como é a de organizar un evento de grandes dimensións desde dentro. Ademais, recordou o gran labor que se está levando a cabo nos diferentes campos de voluntariado organizados pola Xunta de Galicia, que permiten á mocidade practicar un ocio seguro e saudable e á súa vez descubrir novas aptitudes persoais.